Lunes, 18 Marzo 2019
Negueira de Muñiz en Imagenes
BOLSA DE EMPREGO PARA AUXILIARES DE AXUDA NO FOGAR PDF Imprimir E-mail
Escrito por Concello de Negueira - Perfil del Contratante   
Miércoles, 02 de Enero de 2019 09:28

 

ABERTO O PRAZO DE ADMISIÓN DE SOLICITUDES PARA A BOLSA DE EMPREGO PÚBLICO TEMPORAL DE AUXILIARES DE AXUDA NO FOGAR.
As solicitudes poderán presentarse ata o día 7 de xaneiro.

 

 

BASES REGULADORAS DE PROCESO SELECTIVO PARA A CREACIÓN DUNHA BOLSA DE EMPREGO PÚBLICO TEMPORAL DE AUXILIARES DE AXUDA NO FOGAR. ANOS 2019/2021.

1.– OBXECTO DA CONVOCATORIA.

As presentes Bases e convocatoria teñen por obxecto a selección de persoal laboral temporal para constitución dunha Bolsa de Emprego Público temporal para a categoría de auxiliar de axuda no fogar do Concello de Negueira de Muñiz, aos efectos de cubrir necesidades transitorias de persoal para realizar substitucións por ausencias de persoal por incapacidade temporal, permisos ou licenzas, ou, excepcionalmente, para atender a servizos temporais, estacionais ou urxentes que non podan prestarse co persoal existente.

As tarefas propias da praza convocadas serán as que seguen:

· coidado e atención das persoas segundo a lei 39/2006 do 14 de decembro de promoción da autonomía persoal e atención a persoas en situación de dependencia (Ordenanza municipal de Axuda no fogar, BOP nº 141, de 21 de xuño de 2014).

Os traballos realizaranse en domicilios situados en diferentes núcleos do municipio, de acordo coa programación de traballe que se lle asigne pola traballadora Social do concello, polo que as persoas seleccionadas terán que contar cos medios necesarios para o desprazamento, pola súa conta, dentro da xornada laboral.

2.– DURACIÓN DO CONTRATO.

A duración dos contratos realizados ao abeiro desta bolsa abranguerá, unicamente, os períodos de tempo nos que a/os traballadora/es do SAF municipal se atopen en situación de baixa laboral ou disfrutando dos seus períodos vacacionais. Serán contratos, por tanto, de interinidade.

3.– SISTEMA DE PROVISION.

Concurso de méritos.

4.– XORNADA LABORAL.

Segundo a xornada do traballador substituído.

5.– RETRIBUCIÓNS.

As establecidas no Convenio Oficial que lle é de aplicación.

6.– REQUISITOS DOS ASPIRANTES.

Os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos, referidos á data na que remate o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser de nacionalidade española, nacional dun Estado membro da Unión Europea, cónxuxe dun español ou dun nacional dun Estado membro de Unión Europea non separado de dereito, ou estranxeiro con residencia legal en España.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade.

c) Posuír permiso de condución e dispoñibilidade dun vehículo para desprazarse polo municipio.

d) Non ter enfermidade ou eiva física ou psíquica que impida ou sexa incompatible co normal desempeño das funcións ou tarefas correspondentes á praza á que se opta. As persoas con algunha discapacidade deberán facelo constar na súa solicitude, sinalando se precisan de adaptación para realizar as probas. A condición de minusválido e a súa compatibilidade acreditaranse con certificación da Delegación Provincial de Sanidade e Servizos Sociais.

e) Non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente.

f) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo da Administración do Estado, Comunidade Autónoma ou das entidades locais, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

Non se contempla a esixencia do reflectido no Decreto 99/2012, no que atinxe á tenencia do certificado de profesionalidade de atención socio-sanitaria.

Os anteriores requisitos, así como os específicos que se esixan, se é o caso, deberán reunirse con referencia ao último día do prazo de presentación de solicitudes e gozar deles ata a toma de posesión, sendo nulo o nomeamento dos aspirantes que estean incursos en causas de incapacidade segundo a normativa vixente.

7.– PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E ADMISIÓN DE ASPIRANTES

As solicitudes presentaranse no modelo de instancia que se facilitará nas oficinas municipais e irán acompañadas de fotocopia do DNI, do permiso de condución e da documentación acreditativa dos méritos alegados, os cales serán obxecto de compulsa no Rexistro de entrada de documentos.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral de entrada de documentos do Concello de Negueira de Muñiz durante o prazo de cinco días naturais, contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Ademais achegarase o xustificante de pago na conta bancaria 0072-0209-94-0000100038 da taxa de 10 €, segundo o disposto pola Ordenanza fiscal núm. 6, reguladora da taxas pola expedición de documentos administrativos, no seu epígrafe quinto punto 4º (BOP nº 187, do 17 de agosto de 2011).

Rematado dito prazo, a Alcaldía ditará resolución no prazo máximo de cinco días, aprobando a lista de persoas admitidas e excluídas —con mención expresa dos motivos de exclusión— e designando ao tribunal cualificador encargado de dirimir o proceso selectivo. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios municipal, na páxina web e sede electrónica.

Concederase, asemade, un prazo de dous días naturais para emenda, polas persoas excluídas, dos defectos a que alude o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e para a abstención e recusación dos membros do Tribunal, de conformidade co disposto no artigo 23 da lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público,

A publicación da devandita resolución no Taboleiro de Edictos da Corporación será determinante, así mesmo, para efectos de posible impugnación e recursos, de conformidade co previsto na invocada Lei.

A mencionada lista elevarase a definitiva polo transcurso do prazo para reclamacións, se non as houbese; no caso contrario exporase de novo a lista definitiva, na mesma forma que a anterior. A presentación de reclamacións, no seu caso, non suspenderá o proceso selectivo salvo que así o acorde a Alcaldía.

8.– COMISIÓN SELECCIONADORA.

A comisión seleccionadora estará composta por un presidente, un secretario e tres vogais nomeados por resolución da Alcaldía. Tódolos vogais do tribunal deberán ter titulación académica ou especialización profesional iguais ou superiores á esixida para o acceso á praza obxecto desta convocatoria. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concorran as circunstancias previstas nos artigos 23 e 24 da lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou cando realizaran tarefas de preparación de aspirantes para probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria. Igualmente, as persoas aspirantes poderán recusar ós membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias a que se refire o parágrafo anterior. O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros (sexan titulares ou suplentes, indistintamente). En todo caso, será precisa a asistencia do/a presidente e do secretario/a. O tribunal cualificador queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e para toma-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo, en todo o non previsto nestas bases.

9.–CRITERIOS DE SELECCIÓN.

A selección das persoas aspirantes constará das seguintes fases:

1.–FASE DE CONCURSO, ata un máximo de 10 puntos, na que se valorarán os seguintes méritos:

A) Titulación e cursos (máximo de 5 puntos).

a.1) Por estar en posesión do certificado de profesionalidade de auxiliar de axuda a domicilio (R.D. 331/1997) ou do certificado de profesionalidade de atención socio-sanitaria a persoas a domicilio (R.D. 1379/2008), de 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á comunidade ou título de Formación Profesional Regrada (ciclo medio) de Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia: 2 puntos.

a.2.) Cursos impartidos por unha Institución pública ou con recoñecemento oficial relacionado coas funcións a desempeñar de máis de 75 horas de duración: 1 puntos por cada un.

a.3.) Cursos impartidos por unha institución pública ou con recoñecemento oficial relacionado coas función a desempeñar de mais de 20 horas de duración: 0,5 puntos por cada un.

a.4.) Unidade de competencia acreditada relacionada co Certificado de Profesionalidade de Auxiliar de Axuda a domicilio: 1,0 puntos por cada un.

B) Experiencia laboral (máximo 4 puntos).

Por cada mes completo de servizos prestados en calquera administración pública mediante relación laboral, fixa ou temporal, contractual ou funcionarial, sexa esta de carreira ou interina, como auxiliar de axuda no fogar ou equivalente: 0,10 puntos.

Por cada mes completo de servizos prestados en empresas privadas como auxiliar de axuda no fogar ou equivalente: 0,05 puntos.

En caso de contratación a tempo parcial, os servizos valoraranse proporcionalmente

Os méritos deste apartado acreditaranse mediante certificación dos servizos prestados e/ou mediante informe da vida laboral, á que se deberá achegar os contratos de traballo

C) Coñecemento da lingua galega (máximo 1 punto).

Por estar en posesión de titulación acreditativa do Celga 2 ou equivalente segundo validacións oficialmente establecidas: 0,5 puntos.

Por estar en posesión de titulación acreditativa do Celga 3 ou equivalente segundo validacións oficialmente establecidas: 0,75 puntos.

Por estar en posesión de titulación acreditativa do Celga 4 ou superior ou equivalente segundo validacións oficialmente establecidas: 1 punto.

So se valorará o curso de nivel superior.

3.– EMPATE NA PUNTUACIÓN.

De producirse empate na puntuación, a orde de desempate será a seguinte:

1. Puntuación obtida no apartado A da fase de concurso.

2. Puntuación obtida no apartado B da fase de concurso.

3. Puntuación obtida no apartado C da fase de concurso.

De persistir o empate decidirase por sorteo público.

10.– FORMACIÓN DA BOLSA DE TRABALLO.

Unha vez transcorrido o prazo de presentación de solicitudes reunirase a comisión seleccionadora, que tras efectuar a selección dos aspirantes elaborará unha lista provisional ordenada pola puntuación total obtida por cada aspirante no proceso selectivo, que será elevada ó alcalde e aprobada por resolución. Posteriormente será publicada no taboleiro de anuncios municipal, na páxina web e sede electrónica. As persoas que non estean de acordo coas puntuacións outorgadas disporán de dous días hábiles para realizar as alegacións pertinentes. Revisadas ditas alegacións, procederase a elaborar o listado definitivo que será publicado polos mesmos medios, entrando en vigor inmediatamente.

11.– CHAMAMENTOS AOS ASPIRANTES.

Os chamamentos faranse polo medio máis urxente que permita ter constancia da súa recepción. Nos supostos nos que a necesidade de cobertura dun posto non fose previsible coa antelación suficiente, ou polas circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos debidamente acreditadas fose necesario a súa cobertura de xeito urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderá realizarse telefonicamente. Neste suposto, o/a empregado/a público que o realice fará constar mediante dilixencia a súa realización, e se tivo ou non resposta.

Aqueles candidatos que, sen causa obxectiva para elo (enfermidade, estar en situación laboral activa no momento do chamamento, etc), renunciasen a cubrir as substitucións para as que foran chamados, pasarían a ocupar o derradeiro posto na bolsa de emprego.

12.– RÉXIME XURÍDICO APLICABLE.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e para toma-los acordos necesarios para o bo orde do proceso selectivo. En todo o non previsto nestas Bases, rexerá como supletorio, o Regulamento Xeral do ingreso de persoal ó servicio da Administración do Estado de 1995; Real Decreto 896/91, do 7 de xuño, e demais normas aplicables.

A presente convocatoria e as súas bases poderán recorrerse mediante a interposición do oportuno recurso. Os actos administrativos derivados da convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común.

 

Última actualización el Miércoles, 02 de Enero de 2019 09:31
 

Ayuntamiento 982353303 - Centro de Salud 982353333 - Centro escolar 982353337 Descubre qué tiempo hará hoy en Negueira

© Concello de Negueira